Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024. A presenza e participación na Rede Eusumo representan para a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (CEGASAL) unha grande oportunidade para reforzar as potencialidades da economía social galega. Pertencer á Rede leva implícita a posibilidade de establecer lazos con outras entidades de economía social, xerando sinerxías que a fortalecen tanto a nivel interno como externo, e de acceder a novos recursos e fontes de financiamento para o avance e a visibilidade do sector.
Desde o 2018 CEGASAL forma parte da Rede Eusumo, facilitándose a realización de diversas actividades formativas para as empresas socias membro desta asociación e a creación de coñecemento a través de estudos específicos que poñen de relevo as diferenzas entre os centros especiais de emprego de iniciativa social e os de iniciativa privada, contribuíndo á concienciación sobre o labor tan importante que levan a cabo os centros sen ánimo de lucro respecto á creación de máis postos de traballo e á mellora das condicións laborais para as persoas con discapacidade.
Entre os estudos financiados, destaca o informe ‘Os Centros Especiais de Emprego en Galicia’ no que se constata como os CEE ordinarios contan cuns gastos de persoal globais inferiores aos sen ánimo de lucro aínda cando o gasto por persoa é superior en todos os cuartís, polo que se afianza a vocación xeradora de emprego dos CEE de iniciativa social fronte aos ordinarios. Pola banda das actividades formativas, sobresaen os programas de networking que lle permiten a CEGASAL continuar achegándolle ao tecido empresarial e ao público en xeral as medidas e oportunidades dispoñibles no marco da Ley de Integración Social de Minusválidos (LISMI), así como manter informados ós seus asociados sobre a normativa vixente e actual, por exemplo sobre Complaince, reforma laboral...
A nivel global, a Rede Eusumo desprega todo un abano de vantaxes para a economía social galega. Máis aló das fronteiras individuais de cada entidade, esta rede promove a visibilidade e a colaboración entre os actores dun sector que sitúa ás persoas no centro da actividade e prima a reinversión social sobre os beneficios económicos. En palabras de Esther Blanco, axente de emprego e desenvolvemento local de CEGASAL, "a Rede Eusumo reflicte un compromiso compartido co fortalecemento e a promoción da economía social a través da creación de redes de apoio e colaboración”. Polo que cómpre destacar e agradecer a cooperación da Xunta de Galicia con esta asociación a través da Rede Eusumo, sabendo o papel fundamental que desempeña o apoio institucional no impulso da economía social en Galicia.
A participación na Rede Eusumo representa para CEGASAL un vínculo vital que potencia a visibilidade e o crecemento dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro galegos.